"Reencontro dos veciños de Torbeo e Vilachá na Feira do Viño" no Xornal de Lemos.-

A organización da Feira e o Concello da Pobra do Brollón facilitaron un autobús para que os veciños de Torbeo, parroquia da outra beira do Sil, puidesen asistir á Feira do Viño de Vilachá

Veciños Torbeo en Vilachá / Adegas da Memoria
Torbeo e Vilachá, dúas parroquias situadas en fronte unha da outra e separadas polo río Sil, tiveron moita relación no pasado, cando se cruzaba o río para ir ás festas, ás feiras ou a mocear, existindo aínda moitos matrimonios dun e doutro lado do río.

Esta relación entre ambas parroquias cambiou coa construción do encoro de San Estevo nos anos corenta. A partir dese momento e coa consecuente desaparición da barca que unía Barxa e A Cubela, Vilachá e Torbeo pasan a ser dúas parroquias que se miran pero non se tocan, perdendo case toda relación.

Agora para cruzar o río e chegar ata a outra parroquia hai que conducir máis de 40 minutos, unha alternativa non viable para quen non teña coche. A todo isto hai que engadir o despoboamento e envellecemento da poboación, polo que hai veciños, vellos amigos que non se ven dende hai décadas.

“Con este pequeno acto de reencontro, pretendemos reivindicar as tradicións da vida ribeirá e poñer o foco na nosa Ribeira de Vilachá”, sinala o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Algún dos veciños, de ambas beiras, sinalan a importancia da recuperación da barca entre A Cubela e Barxa nomeadamente pola existencia dunha variante do Camiño de Inverno que cruza o río nese punto.

Dende Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico impulsado polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá, elaboraron unha serie-documental que afonda nas relacións entre os veciños de ámbalas beiras do río. Concretamente, é o episodio 3 ‘Nós nas Augas’ o que trata a vida ribeirá antes da construción dos embalses.

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

Programa de fiestas agosto 2023 Torbeo