O apelido Colmenero: unha curiosidade da árbore xenealóxica.

Mari Carmen Álvarez Rodríguez

Confeso que son unha apaixonada da Xenealoxía, esa “ciencia que estuda os antepasados, descendentes e ramas das familias”. Hai moitos anos -¿8?¿10?-que empecei a consultar os libros parroquiais custodiados na Diocese de Lugo e de Ourense na procura de documentación sobre os meus ascendentes. Seguramente  se vivise en cada unha desas cidades durante todo un ano, este traballo xa estaría rematado ó converterme nunha asistente cotiá das súas salas de consulta. Pero… é o que hai.
Ser descendente dun Colmenero –Miguel Álvarez Colmenero, meu pai- fixo que este apelido fose un dos meus obxectivos. E o feito de que moitos dos que seguides esta páxina levades ou tamén sodes descendentes del –seguramente varios de vós sen sabelo- animoume a verter aquí as miñas pescudas.
Os datos máis antigos que teño facilitóunolos Antonio, desde esta páxina, cando publicou o 24/05/2010 sobre os PLEITOS DE HIDALGUÍA: Antonio Rodríguez e Dominga Rodríguez foron os pais de Antonio Rodríguez Colmenero (de onde sae o Colmenero téñoo pendente de investigar), que casou o ano 1659 con Catalina Rodríguez de Casanova; un fillo deles, Francisco Rodríguez Colmenero, nacido no 1662, casaría con Anastasia Álvarez no ano 1691 e foron os pais de José Rodríguez Colmenero, que nacería no 1710. Ata aquí a información aportada. 

¿En que momento se perdeu o tándem Rodríguez-Colmenero a favor do simple Colmenero

Baseándome nos datos que atopei, puiden comprobar a existencia dunha alternancia de varias formas entre os anos 1735 e 1791: “Rez Colmenero”, “R Colmenero”, Rez ColmenoColmo”, “Colmenero” e “Rodriguez Colmenero” Evidentemente, algunhas non son máis que abreviaturas, o interesante é ver como se vai alternando a forma composta do apelido –Rodríguez Colmenero- coa simple –Colmenero-  ata que esta última acaba dominando xa desde o ano 1793. 

Aquí podedes ver unhas mostras da súa evolución:
·        1735, María Manuela, filla de Joseph Rez Colmenero e de Ana María Díaz da fonte  (con minúscula)


·        1740, José Francisco, fillo de Joseph R Colmenero e de Ana Mª Díaz 


·        1763, Seraphina, filla de Alexdro Rez Colmeno e neta de Joseph 


·        1770, María Theresa, filla de Alexandro Colmo e neta de Joseph  


·        1779, Rosa Javiera, filla de Alexandro Rodríguez Colmenero e neta de Joseph  


·        1782, Juan, fillo de Alexandro Colmenero, casa na igrexa de San Clodio


·        1791,Manuel, fillo de Alexandro Rez Colmenero, casa en Torbeo  


·        1793, María del Carmen, neta de Alexandro Colmro 


·        1798, Isabel, outra neta de Alexandro Colmenero  


            Aquel primeiro Antonio Rodríguez, casado con Dominga Rodríguez, ¿xa era Colmenero? 
            Se é así, o apelido composto aínda ten máis mérito ó ser máis lonxevo, e habería que pescudar ata cando se remonta.
            Se non é así, cabe preguntarse cando e por que se lexicalizou co outro. Ademais, permitiríanos afirmar, se medo a equivocarnos, que tódalas familias nacidas en Torbeo que levan ou nalgún momento levamos o apelido Colmenero descendemos daquel primeiro Antonio Rodríguez Colmenero, veciño de Outeiro.

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

Programa de fiestas agosto 2023 Torbeo