"Os lingüistas din que Torbeo ten raíz céltica, da palabra tor, que indica a elevación dun terreo".
Hoy en el suplemento digital La Voz de la Escuela , de La Voz de Galicia, en una interesante entrevista al profesor MANUEL CAO RODRÍGUEZ.
Manuel Cao: «As escolas vellas tíranse agora para facer residencias de maiores»
O exprofesor atopou recentemente unha mina romana e pescuda a toponimia local
22 Marzo, 2022
ROI FERNÁNDEZ - M. VARELA
Os incendios na zona descubriron no monte un filón de cuarzo vindo dende Valdeorras. «Fun coa miña muller e confirmamos que era unha antiga mina de ouro romana», conta Manuel Cao (San Clodio, Ribas de Sil, 1947). Nada pasa desapercibido para o exdirector do colexio da vila. É o que ten ser curioso. «Gústame ver e, se sospeito, infórmome. Falo coa xente e busco algún libro para saber máis», di o profesor.
—Sempre foi así?
—Si, gozo moito vendo as cousas. Unha vez, falando cun arqueólogo, pregunteille por unhas pedras e díxome que, se están fóra de contexto, desconfía. Cando vou por aí vou mirando, ata nas paredes podes ver restos de algo. Se hai unha pedra de cantería, é curioso, alguén a trouxo. Nunha ocasión, nunha viña, vimos unhas pedras pequenas e dinme conta de que eran machadas do Paleolítico. E, outra vez, unhas pedras que eran dun morteiro romano para machucar a pedra.
—Como soubo que tiña unha mina romana de ouro diante súa?
—Sabía que tiña que haber algo, vese a moita distancia. Abaixo dela hai unhas pozas onde, posiblemente, estaban os lavadoiros das pedras. Tamén pola toponimia do lugar, que da pistas sobre o pasado romano da zona.
—Levaba a investigación desa toponimia ás aulas?
—Temos feito cousas. Eu teño recollido na zona e, cando estaba no colexio, pedinlles aos alumnos que trouxesen microtopónimos das súas leiras ou que coñecesen os seus avós, e buscabamos explicacións na clase. Por exemplo, a parroquia de Torbeo, que os lingüistas din que ten raíz céltica, da palabra tor, que indica a elevación dun terreo.
—Aproveitaban para saír fóra do colexio?
—Facíamos saídas programadas con mapa topográfico para entender o que tiñan arredor, ver como era o terreo e como expresalo no mapa. Un día fomos escribir e falar das mámoas nun sitio que levaba o topónimo sobre elas, e pedinlles que as recoñecesen. Non se daban de conta e díxenlles: «Mirade onde estades sentados».
—Agora son menos habituais ese tipo de saídas?
—Eles pasábano ben, pero hoxe é máis complicado. Antes collías ao grupo de pequenos e avisabas que ías saír ao día seguinte. Hoxe hai que ter autorizacións, todo está máis burocratizado. Debe ser así, pero dificulta máis as cousas.
—Comezou a traballar en 1975. Como lembra esa etapa?
—Foi en Monforte, daquela impúñanse moitos cambios nos colexios coas concentracións escolares. Empecei no San Antonio de Monforte, onde está hoxe o Concello e que fora instituto na República. Concentráronse aí a maioría dos colexios da zona. Lembro que saían as ratas polos furados nas clases. Os nenos tiñan que atravesar Monforte para ir comer na segunda quenda en outro centro. Foron momentos moi singulares. Despois estiven no Courel, en Folgoso, e logo fun á Costa da Morte, a Corme. Alí estiven moi ben, con todas as peculiaridades da costa. Tiñamos un equipo moi unido. Finalmente vin a San Clodio e botei case trinta anos.
—Aquela era unha época de moitos cambios.
—Cando cheguei, en 1.º de EXB había 47 alumnos, todos homes, e só oito foran a párvulos. Os demais non sabían nin ler nin escribir. Trataba de ler con todos individualmente antes do recreo. Todos se esforzaban, e nós tamén. Tiñamos que sacalos lendo e coñecendo a numeración.
—Notou diferenza entre os alumnos da costa e os de interior?
—Había un gran cambio entre mariñeiros e labregos, entre a costa e o interior. Mesmo en Corme, que había aldea e porto e o colexio estaba no medio. Os fillos de mariñeiros ían axudar alí no porto e os da aldea ían coas vacas. A xente da costa son moi solidarios uns con outros. Cantaban as verdades, non tiñan problema. No interior, os pais e alumnos, daquela, eran máis reservados. Igual pensaban unha cousa e non a manifestaban. Ademais, na costa mobilizábanse para conseguir cousas. No interior lembro que nin se atreveran a firmar un escrito para esixir máis limpeza. Era outra mentalidade que, imaxino, terá as súas raíces na historia que viviu cada un.
—Xa fora director antes de selo en San Clodio?
—Si, cando estivera en Corme, nas primeiras eleccións de directores escolares. Entre o profesorado, sobre todo o máis novo, había ansia por funcionar e facer cousas. Por modernizar e democratizar as institucións. A cousa deu marcha atrás despois. A Administración pasou a controlar moito máis. O claustro ten agora menos autonomía, e o mesmo pasou cos consellos escolares.
—Que consellos dá aos que empezan, agora que xa está xubilado e despois de tantos anos de carreira?
—Un ten que procurar ser un bo profesional, cumpridor co seu deber e ter en conta que o material co que traballa é moi sensible, non é mercancía. Hai que respectalo moito. Un compañeiro dixérame unha vez en Corme que, en caso de conflito de intereses, os mestres tiñamos que velar sempre polo máis débil. E, na ensinanza, ese adoita ser o alumno.
—Como é un colexio con cada vez menos alumnos?
—Cando cheguei a San Clodio era un pobo pequeno, pero había uns 180 alumnos aproximadamente. Hoxe hai arredor de corenta. Veñen algúns dende Quiroga, pero moi poucos. É estar sempre no fío da navalla, a ver cantos veñen. Houbo que suprimir e unir cursos.
—Que futuro teñen?
—Hai o dito de colexio pechado, pobo morto. A un dálle pena que desapareza un colexio. As escolas vellas tiráronse aquí para facer residencias de maiores. É unha evolución dos tempos. Pero mentres se manteñan entre trinta e corenta alumnos, son viables. Os nenos teñen atención personalizada ao haber tan poucos. Cando van xuntos un alumno de primeiro cun de terceiro, o pequeno asimila cousas antes de tempo. Hai materias comúns malia a diferenza de nivel que son aproveitables.