“Xosé Teixelo. Cursou Maxisterio en Ourense, onde foi alumno de don Vicente Risco. Debutou no ensino en Vilester e seguiu en Torbeo, onde coincidiu coa famosa meiga Filomena, coa que fixo unha grande amistade”
Días pasados se publicó en www.lavozdegalicia.es
un interesante artículo de Xosé Estévez Rodríguez (1), en 2014 en El
Progreso, sobre el maestro don Xosé Teixelo (la Veiga – Quiroga 1902-1979) en el que
transcribe las notas de un trabajo que a don Xosé le había encargado su
profesor don Vicente Risco sobre “la religiosidad en el valle de Quiroga”.
Teniendo en cuenta las distintas
fechas que se barajan lo más probable es que don Xosé Teixelo ejerciese de maestro en Torbeo
a final de los años veinte.
A
devoción aos santos no val de Quiroga
O profesor local Xosé
Teixelo escribiu para Vicente Risco un traballo sobre relixiosidade na bisbarra
quiroguesa
É moi propio dos galegos ben nacidos e agradecidos
lembrar aos devanceiros, que afillaron actitudes vitais a prol do compromiso ca
nosa Terra e coas súas xentes. Este é o caso do meu mestre, don Xosé Teixelo,
que mora dende hai anos na outra beira, no reino das estrelas, un reino sen
cadeas, el que cérreme sempre defendeu a liberdade. Grazas a el namorei da
lectura e da historia como magistra
vitae. Este texto está baseado nunhas notas del, que, após do seu pasamento, me
entregou o seu fillo Luis. Supoñen unha sinxela homenaxe ao mestre e unha
mostra de agradecemento ao fillo, aínda que tampouco me esquezo doutro fillo,
excelente pintor, bo xogador de fútbol e grande amigo meu e de Manuel María, o
Pin, e doutra filla, Mari Carme, unha beleza quiroguesa que foi casar ás
quentes terras valencianas a carón do Mediterráneo, o mare nostrum, hoxe mare mortum, no que finan
xentes fuxidas da fame e da opresión.
O meu inesquencible mestre don Xosé Teixelo naceu na casa
da Veiga, antiga casa de postas, exportadores de viño no século XIX, en
Espandariz, o 15 de novembro de ano 1902. Aos
cinco anos morreu a mai no parto dun irmán, Vicente. O pai, Vicente Tejelo
Casanova, tamén morreu seis meses despois. O xuíz nomeou como titores a súa tía Carme Tejelo Casanova e o seu marido consorte, O
Lázaro, alcalde de Quiroga na guerra incivil. Foi alumno do mestre don Santiago
Prol, estudoso de Rosalía de Castro e parente de Ernesto Guerra da Cal. Cursou
Maxisterio en Ourense, onde foi alumno de don Vicente Risco. Debutou no ensino en Vilester e seguiu en Torbeo, onde
coincidiu coa famosa meiga Filomena, coa que fixo unha grande amistade.
Continuou en Folgoso do Courel, despois na Ermida e xubilouse en Quiroga aos 70
anos. Casou con Dolores Rodríguez Cobo, dona Lola, da familia da Patrona.
Exerceu tamén de perito calígrafo e secretario provisional do Concello. Deixou
este mundo o 9 de maio do ano 1979 ós 76 anos de idade.
Estas notas que transcribo elaborounas para un
traballo-enquisa encargado polo seu profesor, o galeguista don Vicente Risco.
«De xeito moi semellante a outras bisbarras galegas, a
devoción aos Santos atopábase moi espallada neste fermoso val, deitado nas
ladeiras do Caurel e bicado e partillado polas douradas augas do Sil. Non é
desaxeitado afirmar que quizais foi un dos primeiros lugares da antiga
Gallaecia onde se asentou o cristianismo a xulgar polo crismón da Ermida (...)
Certo é que a crecente laicización moderna vai arrecunchando os recantos da
relixiosidade, mais aínda fican anacos sacrais inseridos nos nervios da alma,
mesturados con crenzas precristiás, froito do panteísmo primitivo e do
proselitismo priscilianista. Pénsase que os Santos son avogados e
intermediarios moi valedores nas doenzas, desgrazas, treboadas, pestes e outras
malandanzas.
San Antonio e os animais
San Antonio ou San Antoniño é suxeito da meirande
veneración. Pídeselle remedio contra as doenzas do gando e auxilio contra
perdas de animais e obxectos. Existe a crenza de que calquera cousa animada ou
inanimada extraviada deberá aparecer ou ser devolvida , sempre que sexa ben
‘arresponsada’, responso a recitar por persoas de recoñecido ascendente moral,
xeralmente vellas e beatas, especialistas na sabedoría de ‘arresponsar’. Se un
animal perdido volve á casa pola súa vontade, o acontecido é sen dúbida por mor
do valemento do santo. Mais, se despois de rezar o responso tres veces, non
regresa, a desgraza non se lle apón ao Santo, senón ao mal rezo do responso. A
resignación pola perda é a actitude máis habitual e nalgún caso érguese algún
improperio contra o demo, aínda que este persoeiro non é visto como o cumio do
mal, pois existe a consideración escéptica de que ‘Deus é bo e o demo non é
malo’. A familiaridade co demo móstrase neste espallado suceso en que un
persoeiro moi coñecido do val, obrigado polas súas necesidades sólidas
perentorias, atreveuse a expulsalas a carón do cemiterio de Quiroga. O demo
acercouse, tentoulle as súas partes e díxolle: ‘Telas competentes e pésanche
catro libras’. O sobado volveuse e díxolle: ‘Boas! Son castelás ou galegas?’
(...)
Outros santos de avoengo curador son San Brais, avogado
contra as doenzas da gorxa e ouvidos (...), con capela en Pacios de Mondelo,
Santa Apolonia (...), que sanda o dor de moas e con ermida en Arxubín, e San
Bertomeu, con igrexa e reliquia no Hospital, que arreda os medos e doa afouteza
nas situacións de risco.
Refírense moitos relatos encol de Deus e os santos. Hai
un moi esparexido pola bisbarra, vinculado co viño, como non podía ser doutro
xeito. Cando Xesucristo percorría o mundo, San Pedro chegaba todas as noites
moi contente, cantando e boureando na compañía dos demais apóstolos. Apampado
Xesucristo pola ledicia do seu discípulo predilecto, interrogouno deste xeito:
-’Imos ver, Pedro. Que clase de árbore produce o froito
que che pon tan ledo?’
San Pedro matinou internamente: ‘Se digo que é a vide, ao
mellor fai secar todas as cepas’. Entón, con picardía, respondeulle a Xesús:
‘Señor, é a figueira’. Xesús contestoulle moi compasivo: ‘Ben, Pedro. Para que
vexas que che teño afecto, de agora en adiante a figueira dará dúas colleitas ó
ano’. (...)
O demo na
Ermida
No val celébranse varias romarías de sona (...), con
ofrecementos en especie para acadar o valemento do santo ou santa. Unha da máis
multitudinarias e a da Virxe da Ermida, moi venerada e á que se lle atribúen
abondosos milagres (...) A igrexa da Ermida está empoleirada no cumio dun
antigo castro onde se atopou o coñecido crismón de Quiroga, o primeiro sinal de
cristianización de Galiza (...) A romaría celébrase o 8 de setembro e á misa
acoden unha morea de fieis, que a escoitan con fervor e recollemento. Noutrora
carrexaban oblatas de millo, trigo, centeo, fabas, etc. ou cerúleas figuras de
brazos, pernas, mans e outro membros, todo ofrendado por doentes sandados pola
intercesión da virxe. Tamén noutrora podían verse ringleiras de romeiros a pé,
moitos calzados, algúns descalzos, outros de xeonllos e incluso uns poucos
amortallados, que peregrinaban para curarse ou agradecer que foran curados.
Ouvían a misa no santuario e acompañaban a imaxe na procesión. Unha vez
rematada a cerimonia, agasallaban a virxe coa mortalla e con outros
ofrecementos.
Na procesión participaban e participan uns choqueiros
personaxes: o Meco e as Pampórnigas. O primeiro cobre a faciana cunha carauta,
feita de madeira dunha soa peza policromada. Leva unha mulida por detrás na
cabeza, camisa vermella, pantalón da mesma cor con dúas raias brancas
verticais, alpargatas e unha vasoira de toxos na man. Con ela bate na xente,
brinca e baila, abrindo paso á procesión. A xente pégalle na molida e bótalle
diñeiro ao chan. É un persoeiro que moitos etnógrafos e antropólogos
identifican co demo. Nos primeiros tempos da cristianización simbolizaría o
representante dos cultos precristiáns que loitaba fronte a penetración do culto
cristián. As Pampórnigas son dous xigantes, home e muller, que evolucionan
danzando diante da imaxe da Virxe. (...)
Outra gran festa popular, un chisco menos ca da Ermida,
celébrase o 24 de agosto no Hospital en honra de San Bertomeu ou San Bartolomé,
como din na bisbarra. A igrexa é digna de ver, pois ten un fermoso cruceiro á
entrada, elementos prerrománicos e románicos, sartegos de importantes
cabaleiros da Orde de Malta ou Hospitalarios de San Xoán. (...) Era costume, e
alí nos levaron de nenos, que o crego, ao rematar a misa, pasase pola cabeza
dunha longa ringleira de fieis as reliquias dos santos, depositadas nunha caixa
de coiro, prá quitar o medo. Iso explica que os quirogueses teñamos fama de
valentes e destemidos, aínda que non tanto coma os «guímaros» da Pobra de
Brollón.
Aos enterros
con fachóns
Tamén tiña
xusta sona a romaría do San Brais o 3 de febreiro en Pacios, barrio hoxe anexo
a San Martiño. San Braisiño é un bo avogado contra as afeccións da gorxa.
Durante a misa pendurábanse no pescozo da imaxe barazas de seda e arrodeábase o
altar de velas acesas. Rematados os oficios relixiosos, cada romeiro recollía
as súas barazas e velas. Cando doía a gorxa, colocábase a baraza o redor do
pescozo e acendíase a vela para pedirlle ao Santo que arredase a dor.
Denantes da II República existía en Pacios unha confraría
de San Brais, composta só por homes, que custeaba os gastos do culto con un
fundo común. Era, ademais, obriga dos confrades asistir ao enterro do membros
con fachóns e velas acesas (...) Era crenza xeral que a imaxe de San Brais fora
adquirida había moitos anos en Lamas de Lor, pagando por ela a confraría un
ferrado de picós, castañas furadas polos vermes e empregadas para a mantenza
dos porcos. Co gallo desta estraña merca, naceu a seguinte cantiga en honor dos
confrades: ‘O voso San Blas / é Santo de gran valor / que custou cando o
mercastes /un ferrado de picós’.
Nos anos 20 do século pasado por mor de aproximar en
demasía as velas á imaxe do Santo, prendeu lume nel o día da festa e queimouse
a pintura que o enfeitizaba. Ao día seguinte, como en case todas as festas
galegas, celebrouse ‘O Santo pequeno’. Ao volver á casa pola noite os mozos e
mozas dos pobos veciños, cantaban esta copla: ‘Vimos do San Blas pequeno, / que
o grande xa o queimaron / os rapaciños de Pacios / pro convidar prá outro ano.
Arranxo no
cárcere
Para arranxar
os estragos da imaxe os confrades leváronlla para compoñela ao xefe do cárcere
do Concello, que era afeccionado á pintura. O funcionario fíxoo o mellor que
puido, pero este feito suscitaría outra cantiga: ‘Probe meu santo, San Blas, /
canto daño che fixeron, / despois de poñerche lume / inda na cárcel te
meteron’. (...)»
Ficarían aínda no tinteiro outras moitas devocións
populares da bisbarra, que simbolizan a singularidade privativa da nosa Terra.
As tradicións non hai que perdelas, senón mantelas e adaptalas aos tempos. Como
dicía o cantautor valenciano Raimon: «Quen perde as orixes, perde a identidade».
E sen ela non se pode hoxe andar polo mundo, engado eu.
Xosé Estévez
é historiador
(1) Xosé Estévez Rodríguez nació el
29 de agosto de 1943 en Quiroga, Lugo. Se diplomó en Estudios
Eclesiásticos y se licenció en Filosofía y Letras por la Universidad Complutense
de Madrid.
Se trasladó en 1973 al País Vasco
según sus propias palabras "por amor". Casado con la también
profesora María Isabel Goñi Olea...
Actualmente jubilado de la
docencia, ejerció como profesor desde 1973 en la Universidad de Deusto
de San Sebastián, donde se doctoró en Filosofía y Letras, así como en Nazaret
Fundazioa... En la Universidad impartió
Historia Moderna desde 1973, de Historia Moderna y Contemporánea del País Vasco
desde 1993, de Nacionalismos y Regionalismos desde 1995, de Sociedad y Cultura
en la España
Contemporánea desde 1999 y de Historia de la España Actual
también desde 1999. En el antiguo centro femenino Nazaret ejerció como profesor
titular de F.P.-2 desde 1973, y de Bachillerato desde 1997. Compaginó su
carrera docente con los estudios de Historia.