¡O loooooobo! ¡O looooobo!
Falar do lobo, en Galicia, é un tema moi controvertido.
As xeracións que vivimos nas cidades non temos o mesmo sentimento que os nosos
pais ou avós. ¿Quen deles nunca temeu que lle levase unha ovella o lobo?
Volvendo á casa dun traballo, dunha feira ou de namorar, ó lusquefusque, ¿quen
non foi acompañado por un ou tivo que defenderse cunha caxata ou cun legón?
Meu pai contoume un caso que lle acaeceu a un veciño de
Torbeo.
O Angelito das Cubanas tiña un can lobeiro que levaba
unha tempada faltando a días da casa. Como cocían o viño na Cubela, o Angelito
foi á noitiña a baixar o bullo. Xa era noite de lúa cando emprendeu a volta por
Pena Tallada. Montaba unha boa besta, corredora, e subindo entre as penas
sentiu un ruído que lle chamou a atención: eran tres lobos xogando pola Louxeira.
Ó decatárense da besta, deixaron o xogo e foron tras deles. Chegando xa arriba,
cerca das Aradas, alcanzáronos as feras e o Angelito quedou abraiado ó ver que
unha delas era o seu can. Intentou acariñalo con palabras pero en vano, lanzábase
a eles coma os outros. A besta, xa coas patas nun camiño doado, botou a galopar
deixando os lobos detrás e podendo chegar, sen novidade, á seguridade da aldea
e do fogar.
Ós dous días, o can volveu á casa. O Angelito non se
andou con chiquitas: colleu a pistola e matouno de dous tiros.
Mari Carmen Alvarez