17 de maio, Día das Letras Galegas. En memoria de todos os que pasaron polos fiadeiros.
Mari Carmen Alvarez. Paredes, Torbeo
Costureiriña bonita
Se me queres dimo axiña,
Ó carballo caeulle a folla
No ano 1963 a Real Academia da
Lingua Galega acordou a celebración do Día
das Letras Galegas establecendo como data conmemorativa o 17 de maio de
cada ano. Aínda que este ano homenaxéase a Valentín Paz Andrade, como pequena
contribución á celebración deste día tan sinalado para a cultura galega, quixera
rememorar as “cuartetas” ou “cancións” da época dos nosos avós e bisavós; pezas
que evocan a maneira de pensar, sentir e facer de xentes doutras épocas. A súa
vida era moi dura pero tamén se buscaban momentos para a diversión. Un exemplo
era o que acontecía nos chamados “fiadeiros”.
Explicoume o meu pai que o fiadeiro non era máis que unha corte da que se
sacaba o gando e se axeitaba, estendendo mañizas de palla no chan, para o
encontro de ata 50 persoas. Alí, unicamente nas noites tan longas do inverno,
reuníanse despois da cea homes e mulleres, mozos e vellos. Mentres as mulleres
fiaban o liño ou torcían a lá, contábanse contos, facíanse xogos, cantábase ou
intercambiábanse poesías. Xa ninguén recorda as orixes dos fiadeiros, pero o
seu final hai que buscalo na emigración dos mozos e na morte dos vellos que
mantiñan ese costume.
Contando coa prodixiosa memoria da miña avoa Elisa, o amigo “Mingas” e a
súa irmá Carmen, conseguín centos delas, a maioría, hai que dicilo, en
castelán.
Atendendo á súa temática, hai composicións que fan referencia ós traballos
e que servían para amenizalos:
Eu xunguín os meus boíños
e leveinos á arada
e no medio do camiño
olvidóuseme a aguillada,
eu volver, volvín por ela
pero de moi mala gana.
Meu cabaliño, cabalo,
meu cabaliño redondo,
que te me dera no cima
como te teño no fondo.
Meu cabaliño, cabalo,
é moi malo de entender:
que lle vou levar a herba
e no ma quere comer.
Eu cantar, cantaba ben,
pero gracia tiña pouca,
quedoume no lavadoiro
onde fun lava-la roupa.
Tamén hai testemuñas da
necesidade de saír da terra para gañar a vida:
¿onde perdiches o dedal?
Na primeira casa branca
raiando con Portugal.
A Castilla van os homes,
a Castilla por ganar,
a Castilla aquí a teñen
se eles queren traballar.
Pero, sen dúbida,
analizando as composicións que puiden recoller, pódese ver con facilidade o
predominio da temática amorosa. En galego ou castelán, e aínda algunhas
mesturando as dúas linguas, permítennos ver a ampla gama que ten esta temática:
a descrición do amado ou amada, o cortexo, o desengano, a muller mal casada,…
non me esteas embobando,
porque si tu non me queres
paso o tempo noutro lado.
A raíz do toxo verde
éche mala de cortar,
e os primeiriños amores
son moi malos de olvidar.
Fermosura non che teño,
facenda no na heredei:
dime ti, linda morena,
de que forma che agradei.
Eu caseime, eu caseime
e oxalá non me casara:
vexo homes coma rosas
e o meu non vale nada.
O camiño criou silvas,
xa hai tempo que non viñeches.
Outros amores tomei,
moito favor me fixeches.
Agora que me puxeches
a barriguiña redonda
ou te has de casar comigo
ou me has de volver a honra.
Hai que nomear tamén un
tipo de composicións de “escarnio”, nas que se pretende molestar ó contrario.
Ás veces son enfrontamentos entre homes e mulleres:
e ó castiñeiro o orizo,
e os rapaciños de agora
todos morren de arreguizo.
Eu pensei que estabas mala,
funche da-los evanxelios:
¡debaixo da túa cama
piollos coma novelos!
Cala burro, cala burro,
que nadie te pode oír,
según o burro vai ós toxos
tamén tú podías ir.
Eu ós toxos podía ir
se tuvera que levar,
¡aparellaime esa burra
que me quero pasear!
Aunque digas tantas, tantas,
como areas hai no mar,
aunque digas tantas, tantas,
por riba non has quedar.
Bótame unha, bótame dúas,
bota as que queiras botar:
inda teño un saco cheo
e outro por desvaciar.