TORBEO NO BLOG DE QUINTELA (OLEGARIO SOTELO BLANCO)

De nuevo Olegario Sotelo publica en su blog un precioso y extenso articulo sobre nuestro pueblo que incluye una entrevista a la Señora Ubalda, reproducimos a continuación la primera parte y la lectura integra podeis realizarla en http://soteloblanco.blogspot.com/2009/07/senora-ubalda-de-torbeo-unha-testemuna.html.
A Señora Ubalda de Torbeo: unha testemuña do paso do tempo Noutro capítulo falei de Torbeo, das súas tabernas e dos taberneiros que máis saben da vida desta parroquia nos últimos cincuenta anos. Lembro que me acheguei por vez primeira a esta aldea cando aínda era un rapaciño, pois fora á xeira dun veciño de Quintela cunha xugada de vacas. Este home precisaba axuda para subir tres carros cargados con trabes que sacara dos soutos que tiña en Torbeo para construír unha casa en Quintela. Para extraer dos soutos as trabes había que realizar un enorme esforzo pola gran pendente pola que había que arrastrar as enormes trabes ata o cargadoiro. Lembro perfectamente que para subir estes tres carros cargados fomos da miña aldea todos os homes e moitas parellas de vacas e de bois. Cando os carros cargados subían cara á miña aldea, ademais da pendente había que sortear unha chea de dificultades a través daqueles camiños. Recordo que, cando chegamos a unha curva, as trabes eran longas de máis e o carro non podía rousar, o que obrigaba a aqueles homes sabios e curtidos a desenganchar as vacas do tiro e poñelas enganchadas ao recadén para que non escapase o carro pola ladeira, mentres os homes coa forza dos seus brazos xiraban o carro ata sortear a curva e, logo, volvíanse enganchar as vacas para seguir co tiro por aquel camiño empinado. Se aquelas escenas se filmasen, darían para un bo documental, xa que nos amosaría o esforzo titánico complementado entre xugadas de animais e homes que ían a unha xeira; homes solidarios coas necesidades dun veciño. Outra das veces que fun a Torbeo foi á vendima dos da Turneira. Estes eran uns veciños de Quintela que tiñan os viñedos nesta parroquia. Era eu un mozo duns quince anos e recordo como cargaba os cestos de uvas que había que transportar subindo «patao» tras «patao» ata chegar ao lugar onde estaba o carro. Alí botabamos os acios do cesto na «arca» e logo, unha vez rematada a vendima, varias xugadas de vacas tirarían do carro por aqueles camiños que levaban a Quintela. Tamén lembro que fun a unha «pisa» de castañas e, logo de golpear os sacos un home por cada lado contra o «pisoto», baleirábanas despois no bandoxo, que era unha especie de cribo que se adaptaba á cintura, e deste xeito podían mover as castañas para separar a castaña da casca ou «muíña» e separar, á súa vez, os «picós» ou castañas partidas das boas; despois enchíanse os sacos e á tardiña cargábanse no carro para transportar as castañas ata a miña aldea. Eu era ben novo e os traballos que levabamos a cabo eran duros; pero o feito de ir en compañía de xente para recoller estes prezados froitos tiña algo de festa solidaria entre os propios veciños.
Pero non todo foi traballo. Naqueles anos da miña mocidade, antes de emprender o camiño da emigración, fun a Torbeo algunha que outra vez co cabalo branco para mercar viño na casa do señor Aurelio dos Vilares. Lembro que levaba unha bota, pois na miña casa non tiñamos ribeira e nos traballos da seitura, da carrexa ou da malla había que ter viño para os labregos que realizaban os traballos.
Tamén acudín durante dous ou tres anos a Torbeo en compañía dos mozos e das mozas da miña parroquia á «Festa do quince». Esta festa celebrábase o día 15 de agosto e era unha das máis populares que había nas nosas parroquias. Faciamos o percorrido tanto para ir á festa pola tarde como cando volviamos a altas horas da noite andando polos camiños ladeiros e cheos de po mentres non caese unha forte treboada. Os rapaces das distintas aldeas da parroquia coincidiamos no cruzamento da pena do Xastre. Percorrer ese camiño hoxe parecería un tremendo sacrificio, pero daquela o traxecto que andabamos os mozos, as mozas, os matrimonios menos novos e os cativos xa representaba para nós unha verdadeira festa.
Por todas estas experiencias vividas na miña xuventude, polas horas que convivín en amigables conversas coa xente de Torbeo, sobre todo cos taberneiros, e ademais porque a miña avoa paterna era de Moreiras de Arriba, nestes últimos anos considero que Torbeo é unha parte importante da miña identidade que tan enraizada está con ese mundo rural tan depauperado nos últimos anos.
Pero ademais desas experiencias vividas en distintas etapas da miña vida e da vinculación familiar, o meu amor por Torbeo acentúase pola fermosura desta parroquia. Posúe unha igrexa do século XII que, como vixía, preside o fermoso e amplo val no que se sitúan pequenos lugares e aldeas. Alí estaban as tabernas; os amigos Leandro, o gaiteiro; os irmáns ferreiros Andrés e Silvino; e tamén outro ferreiro que facía de todo, Luís «O Purrelo» etc. Xusto detrás da igrexa empeza a costa e o camiño que nos conduce ata a parroquia de Mazaira e seguindo a pena do Xastre, o camiño da vila do Castro. Seguindo esa costa atopamos varias aldeas da parroquia: A Ventosa, Figueiro, Os Vilares, Moreiras de Abaixo, Moreiras do Medio, Moreiras de Arriba, As Cortes, As Pozas, San Lourenzo e San Martiño. Abaixo de todo, onde o Sil forma espectaculares meandros, está A Covela. Na parte máis fermosa que é o val atopamos os lugares de Paredes, do Carballiño, do Barrio, do Outeiro, de Campos e de Lama de Paio. A paisaxe e as vistas que se poden contemplar desde calquera recanto desta parroquia son espectaculares cando ollamos cara a abaixo o Sil e, do outro lado do río, a paisaxe aberta da Terra de Lemos. Convén que a xente non esqueza visitar os abundantes, impresionantes, variados, centenarios ou quen sabe se milenarios castiñeiros nunha ampla zona de soutos e sequeiros en ruínas e que un día foron as vivendas temporeiras para os caldelaos que ían coidar do viño aos lagares ou ían recoller e secar as castañas nos sequeiros.
Torbeo é unha das parroquias máis grandes da provincia de Lugo. Hoxe esta parroquia ten moitas casas baleiras porque a emigración masiva fixo que moitos veciños emprendesen o camiño da diáspora e non retornaron; outros asentáronse nas vilas ou nas cidades como Monforte de Lemos ou Lugo.
A riqueza paisaxística, o clima da ribeira, que favorece a produción de excelentes viños, os abundantes soutos de castiñeiros nas distintas pendentes que dende Moreiras de Arriba ata San Lourenzo e camiño da ribeira do Sil conforman un contorno paisaxístico único. Todos estes lugares ladeiros de viñas con «pataos» que aguantan as terras e soutos tamén pendentes nos que había que facer «arelladas» e onde quedaban os billotes cando pingaban os ourizos contrastan coa planicie do val, onde se sitúan os lugares xunto cos lameiros e as hortas. Pero Torbeo conta cun rico patrimonio arquitectónico e cultural. O fermoso barrio do Carballiño ten un interesante pazo en non moi bo estado de conservación que foi levantado entre os anos 1750 e 1780 por don Lucas Casanova e Varela. Este pazo é coñecido popularmente como «A Casa das Cubanas». En fronte deste pazo atopamos unha nova edificación: un albergue. Este precisou para a súa construción un importante investimento e que, como en tantas obras feitas con cartos públicos, unha vez feito non se sabe cal será a súa utilidade...
Durante a Guerra Civil en Torbeo había xente progresista e, simplemente por iso, por ser de esquerdas e progresistas, o réxime franquista pasou unha tremenda factura de represións obrigando a que moitos veciños tivesen que converterse en «fuxidos». Pero, sen dúbida ningunha, o buque insignia desta parroquia é a igrexa de Santa María de Torbeo. Data dos séculos XII-XIII e pertence ao antigo Priorato dos Frades de San Bieito, de transición do románico rural galego ao oxival. Conserva a planta primitiva con pequenas adicións, como a sancristía con bóveda de crucería no muro. É interesante a proporción e harmonía do conxunto. As capelas laterais son do século XVII e a sancristía do século XVI. Dos retablos e das imaxes orixinais non queda nada como consecuencia dun incendio provocado no ano 1936 e que logo se foi reparando ata o ano 1945. Hoxe Santa María de Torbeo pertence á diocese de Lugo, á que se agregou no 1955 procedente da de Ourense. Actualmente están derribados o mosteiro e a casa consistorial anexos á igrexa pola parte dereita e que se utilizaron como ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa. Como na maioría dos cemiterios das parroquias rurais da zona, hai medio século só contaban con catro ou cinco nichos construídos en pedra da zona. A maioría dos veciños eran enterrados en sepulturas feitas na terra. Pero hoxe está cheo de panteóns de varias plantas, construídos con ladrillo e con frontes adornados con pedra granítica do Porriño de variadas cores. Hoxe en Torbeo, como na maioría dos cemiterios da zona, todo o mundo que vive aquí ou na emigración construíu o seu nicho dun xeito no que se estableceu unha pequena competencia para ver cal é mellor. Con frecuencia é máis luxosa a edificación que servirá de última morada que a que un día foi ou aínda é a casa da aldea. Torbeo ten unha historia e datos suficientes que poderían recollerse nun libro. Sería interesante que o fixesen os investigadores novos e persoalmente estaría disposto a colaborar na publicación dese traballo como editor.
Agora imos falar dunha persoa que durante un tempo e aínda hoxe grazas á súa existencia deu a coñecer o nome de Torbeo. Esta persoa foi Filomena Arias (1865-1938), máis coñecida como A Bruxa de Torbeo. Falei desta bruxa no meu traballo Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas e, como non había nada escrito daquela, fundamentei parte da investigación en experiencias das persoas das aldeas que a coñeceran ou foran á súa «consulta». Tiven a sorte de coñecer en Torbeo a Ubalda Doval Arias, unha muller que durante o século XX viviu distintas experiencias na vida destas aldeas e ademais coñeceu de cerca a Filomena, pois vivía ao carón da súa casa.Conta a Señora Ubalda como a bruxa se transformaba cando entraba en transo e como deixaba á parte o galego para comezar a falar nun perfecto castelán e dar nesta lingua o veredicto da consulta dos seus clientes. Seica foi posuída por varios espíritos. No libro parroquial consta que foi exorcizada. Logrouse que expulsase dous espíritos, pero deixaron un dentro por medo a provocar danos irreparables na súa saúde. Parece ser que ese que quedou dentro era o que lle transmitía o poder de curar e de ter visións. Filomena acadou sona de curandeira e adiviña. Esta sona foi máis alá das fronteiras da parroquia de Torbeo e fixo que acudisen ata a súa consulta persoas de toda Galicia, Castela e Portugal, así como moitos emigrantes galegos residentes no estranxeiro. Conta a Señora Ubalda como un home que veu pedindo pola aldea se converteu no amante e publicista de Filomena.

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

"Siempre se trata de esa referencia cultural gallega, de Torbeo..." dice Rubén Rodríguez González que fundo y dirige en Nueva York el restaurante "Nai".-