Castiñeiros, castañas e magostos...de Mari Carmen Alvarez



“No alto me vexo
do meu cocorexo,
ladrón vexo vir
e non podo fuxir”
                                  (o bullote)

Foise o verán e empeza o outono, e con el chega o tempo da vendima e do castañal. As árbores perderán a folla ou converterán a paisaxe nun abanico de amarelos, roxos, marróns e  dourados.
Na nosa aldea hai árbores de moitos tipos, pero ningún tan especial como o castiñeiro.  Podémolo atopar por toda Galicia, pero é máis frecuente na parte oriental. Parece ser que a árbore procede do Cáucaso e que a levaron a Grecia no s.V a. de C. dende onde se espallou por Italia, Francia, Portugal e Galicia durante o Imperio Romano. Uns din que o sementaron aquí  os romanos hai centos de anos e outros, baseándose en estudios realizados,  cren que existía xa en Galicia antes da súa chegada.
O certo é que é unha especie cultivada dende hai milenios polos seus froitos e pola súa madeira. As follas e a cortiza úsanse como menciñas, tamén se usa para curtir e tinguir, e incluso na elaboración de cestería.
Os galegos alimentámonos con pan de castañas, o pan dos pobres, ata que se fixo cotián en Galicia o consumo da pataca e do millo despois dos séculos XVI e XVII, pero a castaña seguiu sendo parte esencial da nosa dieta ata mediados do s. XX.
Calquera que o consulte pode saber que as castañas son ricas en hidratos de carbono, azucres, amidón, potasio, fósforo, vitaminas A, B e C e sales minerais. Aportan sustancias que neutralizan o exceso de ácidos no sangue e facilitan a súa eliminación polos ouriños. Tamén teñen moi baixo contido de sodio  e elevada proporción de potasio, polo que resultan útiles nas dietas dos hipertensos e cardíacos.
As máis apreciadas, por calidade e tamaño, proceden dos montes galegos de Lugo, especialmente de O Courel e Ourense, seguíndolle en calidade e produción as de Asturias e León.
Cada zona ten o seu propio léxico e os seus propios costumes, i é curioso coñecelos. Por exemplo, no Courel i en zonas de Ourense utilizan un procedemento para secar as castañas. Consiste en desourizalas e levalas ó sequeiro para secalas e afúmalas un pouco ó lume manso duns chotos na caniceira. A seca pode durar de 8 a 15 días. Ó quitalas do sequeiro límpanse á man, ou písanse, ou se meten nun saco para collelo logo entre dous homes polos extremos, erguelo ó aire e sacudilo con forza contra un banco que poñen no medio.
En Quintá, aldea do sur de Xinzo de Limia, á castaña que se secou na caniceira, ou ó sol, ou polo paso do tempo, chámanlle CASTAÑA PILONGA.
Subindo máis arriba, e xa na provincia de Lugo, en Torbeo, as variedades de puendas de castañas que hai son: blanquiñas, xabregas, outeiras, vermellas, garridas, rapadas e calvas. Dependendo de se a castaña está seca ou non chámanlle BULLOTE (en San Xoán de Río BILLOTE) ou CASTAÑA, esta última é a seca.
En Froxán, aldea de Folgoso do Courel, teñen a castaña verdeal, vermella e blanca. Distinguen entre BULLÓS e CASTAÑAS. Noutra aldea, Ferreirós, contan con outras variedades: marela, rapada e de presa. Tamén distinguen entre a CASTAÑA e a CASTAÑA SECA.
En Rionaval, no concello de Cervantes, as variedades que se coñecen son: verdellas, de parede, de presa, millarengue, marelas e portuguesas. Alí teñen outro xeito de conservación: a castaña curtida en “uriceiras”. Trátase de recollelas cando o orizo está verde pero xa empeza a abrir. No mesmo souto amontóanse todas en “oriceiras”, que son sitios xa preparados para gardalas, case sempre rodeados de parede e cun acceso polo que se poidan despois quitar facilmente co angazo. Tápanse con silvas, folgueiras (fentos) e xestas e así déixanse curtir un mes ou dous, ata que podrece o orizo. Despois písase encima cos zocos e queda solo a castaña, que hai que limpar ou cribar. Como saen molladas é moi importante para a súa boa conservación deixalas secar moi ben. Gardadas evitando que lles dea o menos posible a luz, pódense conservar ata o mes de abril ou maio.
No mesmo concello, na aldea de Vilaspasantes, próxima a Pedrafita, teñen a castaña montañesa, de parede e de presa. Ás secas chámanlle CASTAÑAS DE CAÍZO.
En terras de Becerreá, en Sevane de Cancelada, coñecen a castaña verdella, de parede, santisa e millarenga. Ás castañas que son pequenas e ruíns, chámanlle “castañas bellecas”.
En Villagocende, A Fonsagrada, as variedades que hai son: de parede, de Lemos, bravas e leises. Ás primeiras castañas que can sen orizo ou que cando se varexan non están nel, e que non reciben ningún tratamento de conservación chámanlles DESTELOS, a diferenza das que se curten, CASTAÑAS, nas “corrizas” ou “corripas”.
En Touro, xa en terras coruñesas, coñécense as variedades pilonga, grandes e de parede. E a rapaza así as pide:
“Mozo  que estás no canizo
tira castañas abaixo
que se non chas collo no mandil
cóllochas no refaixo.”


O Magosto é unha festa de carácter agrario e de orixe pagá relacionada co culto á fecundidade, de aí a súa relación directa co lume, representando ó sol, deus fecundador da terra. Trátase tamén dunha comida que reforza os vencellos comunitarios do mundo rural, galego; ten un carácter alegre e de acción de grazas polos froitos recollidos, así coma de homenaxe ós castiñeiros e as castañas.
Con posterioridade foi asociada ós santos e defuntos, por iso se festexa o 1 de novembro, por ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar anual.
Segundo crenzas antigas, a castaña era como un símbolo da ánima dos defuntos.Tradicionalmente outono, castaña e defuntos aparecen asociados na festa dos magostos. Enténdese que cada castaña comida é unha alma liberada do purgatorio.

Este ano, polo menos en Torbeo, o tempo non acompañou para ter unha boa colleita e parece que non haberá moita produción deste froito saboroso xa que non se cumpriu o dito dos nosos devanceiros: “en agosto arder e en setembro beber”.

     Fotografias  de Enrique Sabaté

Enlaces a otras entradas sobre el tema publicadas en la web: 



Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

"Siempre se trata de esa referencia cultural gallega, de Torbeo..." dice Rubén Rodríguez González que fundo y dirige en Nueva York el restaurante "Nai".-

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”