🌿 TORBEO, UNHA PARROQUIA CHEA DE INICIATIVA

Información e imágenes de la pagina de Facebook del Concello https://www.facebook.com/share/1Be9cXZwZx/

Os días previos ás Festas de Verán de Torbeo 2026 volveron demostrar que Torbeo é unha parroquia dinámica, cunha enorme capacidade para organizarse e crear actividades. Persoas a título individual, grupos de veciños e veciñas e a Asociación Veciñal de Torbeo (AVETO) fixeron da semana anterior ás festas unha sucesión de propostas pensadas para todas as idades.

🎬 Houbo tempo para o cine infantil e xuvenil na vella escola de Torbeo, para os documentais e tamén para a presentación oficial do programa das festas.

🐄 E descubriron que o leite non sae dos bricks...

Unha das experiencias máis especiais foi un obradoiro de muxido, pensado especialmente para os máis novos. Moitos deles viven durante o ano en diferentes cidades de España ou mesmo no estranxeiro e nunca tiveran a oportunidade de achegarse a esta tarefa tradicional.

Por primeira vez, puideron muxir coas súas propias mans e descubrir dunha maneira divertida e directa de onde vén o leite que consumimos cada día. Un pequeno contacto coa vida rural e cos saberes que forman parte da historia de Torbeo.

🧩 O reto: descubrir a palabra secreta

Outra das actividades que máis interese espertou foi un xogo de pistas organizado pola propia veciñanza, coordinada polo creador da idea, Antonio Paz.

Veciños e veciñas caracterizados como peregrinos mendigos, panadeiros ou meseiros convertéronse en personaxes dunha aventura que percorreu lugares emblemáticos da parroquia: a cantina, a escola, a igrexa ou o vello forno, entre outros.

O reto era ir resolvendo as probas ata descubrir unha palabra secreta que non podía ser outra: TORBEO.

🏆 O equipo Pili e Mili foi o primeiro en completar o percorrido, cun tempo de 36 minutos.

📚 Para os participantes máis novos, o Concello de Ribas de Sil colaborou obsequiándoos con exemplares de O Principiño, a coñecida obra de Antoine de Saint-Exupéry, na súa edición en galego.

🌍 Torbeo, centro de gravidade en agosto

Durante estes días volveu quedar patente algo que se repite cada verán: Torbeo convértese en agosto nun verdadeiro centro de gravidade, un lugar ao que regresan familias e persoas que viven durante o ano en puntos moi diferentes.

No xogo de pistas escoitábase falar catalán, francés, castelán con acento manchego ou madrileño... e sempre, sempre, galego. 💚 Unha mestura de xeracións, procedencias e linguas arredor dun mesmo lugar e dun sentimento compartido: Torbeo.

Parabéns a todas as persoas que dedicaron o seu tempo e a súa ilusión a organizar estas actividades e a manter viva a parroquia.

#Torbeo #AVETO #RibasDeSil #ConcelloDeRibasDeSil #CulturaEnRibasDeSil #FestasDeTorbeo #FestasDeVerán2026 #Cultura #ParticipaciónVeciñal #VidaRural #Tradicións #OPrincipiño #Galicia #RibeiraSacra #XeoparqueMontañasDoCourel










Entradas populares de este blog

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

La actriz Elena Lombao (Raquel en la serie “Aquí no hay quien viva”) interpreta la obra SUFRIDA CALO – Tragicomedia, en la que da vida a la propia “Sufrida Calo” y a “Filomena de Torbeo”.