Ribas de Sil apoia o tramo do Camiño de Inverno por Torbeo e Vilacha de Salvadur. Articulo de Xurxo Martínez González | El Progreso de Lugo | 11 de julio de 2020

Durante a mañá do pasado venres 3 de xullo, a Asociación de Veciños/as de Vilachá presentou o seu informe sobre o Camiño de Inverno a Santiago ao alcalde e a parte do equipo de goberno de Ribas de Sil.

O alcalde, Miguel Sotuela manifestou o seu apoio para recuperar este tramo histórico que pasaría por San Clodio e Torbeo. Ademais indicaron que promoverán o recoñecemento deste tramo na asociación de concellos, da cal forman parte.

Pola súa parte, o tenente de alcalde Roberto Castro explicou as anteriores accións, realizadas dende o ano 2000, que pularon por oficializar este tramo, que xa se incluía no informe de 1999 e que serviu de base para a marcación do camiño sur. Entre elas tratouse a posibilidade de recuperar o paso en barca ou a posta en marcha do catamarán de Augas Mestas. En todo caso, sería un proxecto que precisaría da implicación da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

Os representantes da asociación de veciños, Jose Castiñeira e Xurxo Martínez, declararon a súa satisfacción pola resposta tan positiva dada polo concello de Ribas de Sil. Asemade, anunciaron que continuarán tendo xuntanzas con representantes municipais, veciñais e con especialistas na materia para conseguir o que consideran "un acto de Xustiza histórica".

A descuberta de material documental medieval e a orixe do topónimo de Rozavales, son claves para consolidar a tese de que o Camiño de Inverno pasaba por Torbeo e Vilachá de Salvadur.

Os membros da asociación apostan pola viabilidade do proxecto tendo en conta o impulso que terá a Ribeira Sacra por mor da candidatura a patrimonio da humanidade, na cal entran as adegas medievais de Vilacha de Salvadur.

Agradcemos a Xurxo Martínez, membro da Asociación de Veciños/as de Vilachá, que nos haya enviado la información cuyo texto íntegro hemos reproducido aquí.


O Camiño de Inverno a través de Rozavales

Xurxo Martínez González |

El Progreso de Lugo | 11 de julio de 2020

UN PAISANO protestara, enrabexado, porque o camiño portugués desviárano contranatura histórica. O argumento era tan sinxelo coma directo: a romana Vía XIX pasaba xusto polo medio do seu furancho. É dicir: o peregrino debía atravesar, caneando cuncas de viño caseiro e tapas de embutidos varios, a porta de entrada e saída da súa tasca.
Disque presentou textos latino-medievais pra sustentar a hipótese. Pagoulle a un agrimensor, xuntou sinaturas, acadou o voto favorable do alcalde local… Moveu Roma con Santiago. De nada valeu. O home bramou, coas queixadas rubias, que se cometía un engano monumental á intelixencia do mundo.
Malia o anecdótico do conto, o fondo é un problema real. O Camiño de Santiago é hoxe un atractivo turístico-cultural con notable desembolso nas "arcas privadas". Todos queren que pase a carón do negocio. Pintan frechas amarelas, con destreza artesanal, para desviar tramos destino ao restaurante ou o albergue propios.
O Códice Calixtino advertía, na guía do peregrino, que escorrentasen a estes seres e fuxiran destas voces. Sempre houbo pillos, incluso antes da xénese. Pro xa saben que os textos sacros interesan se nos dan a razón; senón, vaiche boa!
A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón) presentou na Xunta de Galicia un informe para acreditar o paso do Camiño de Inverno por esta freguesía, ademais de Torbeo (Ribas de Sil), Rozavales, Vilamarín, Caneda e Santa Mariña do Monte (Monforte).
O estudo ten unha proba irrefutable: Rozavales é un topónimo único en Galicia (os Rozavales de Manzaneda proceden da parroquia de Lemos). É a forma galega do Roncesvalles inicio do Camiño Francés. Gonzalo Navaza (xefe en toponimia galega) acreditouno nun recente artigo. Canda isto atopáronse textos do rei Afonso IX, conservados na catedral de Compostela, que engaden máis argamasa á tese.
O referido estudo tamén demostra a existencia dun camiño medieval de uso frecuente durante séculos. As viñas de Vilachá repartíanse entre dous poderosos mosteiros: Montederramo e San Vicente do Pino. O viño motivou máis dunha desavinza entre ambos centros relixiosos. Daqueles tempos antergos quedaron as adegas de Vilachá, coma testemuñas de pedra, únicas en Galicia e aínda usadas para fins vitícolas. Integráronse na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Hoxe o Camiño de Inverno non pasa por Vilachá nin por Rozavales. Mudouse o rumbo, alterando o trazado orixinal, porque o Sil converteuse no atranco. Hai anos pasábase nun catamarán con base no complexo de Augas Mestas. Parece que a Deputación de Lugo podería rehabilitar este conxunto en 2021. Esa sería unha grandísima ocasión pra poñerse a ben coa historia.

O barco permitiría o pase dende A Covela a Barxa. Imaxinan o atractivo pra o Camiño de Inverno cruzando o Sil, no corazón da Ribeira Sacra, cos canóns a rodearnos e as viñas a dotar de perfume o vento? Imaxíneno até que pronto sexa realidade.

Entradas populares de este blog

"Siempre se trata de esa referencia cultural gallega, de Torbeo..." dice Rubén Rodríguez González que fundo y dirige en Nueva York el restaurante "Nai".-

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

FIESTAS DE AGOSTO - TORBEO 2024.-