"Traballan no recoñecemento do tramo do Camiño de Inverno en Torbeo e Vilachá" - XORNAL DE LEMOS

Rozavales vén de Roncesvalles, probas do paso do Camiño de Inverno
A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur no concello da Pobra do Brollón traballa no recoñecemento do tramo do Camiño de Inverno en Torbeo e Vilachá e en fomentar o estudo de posibles fórmulas que permitan o paso do Sil na altura da Covela á Barxa.
Redacción -1 Xullo, 2020

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur presentaba a finais do mes de xuño, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, un informe técnico sobre o Camiño de Inverno. Este informe incorpora nova documentación histórica que acreditaría o paso do camiño no tramo de Quiroga a Monforte de Lemos, no seu paso por Torbeo e Vilachá.

O informe demostra a partir da documentación histórica medieval a existencia dun camiño comercial ligado ao viño. Este camiño está documentado, cando menos, dende o século XII. E as adegas medievais de Vilachá (incluídas na candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO) serían proba viva da importante produción.

Pero a gran descuberta foi o estudo toponímico e histórico de Rozavales, parroquia de Monforte de Lemos e lindante con Vilachá de Salvadur, que realizou Gonzalo Navaza, especialista na materia. Rozavales é unha alteración do topónimo Roncesvalles, inicio do Camiño Francés e foi imposto polo rei Alfonso IX, o principal impulsor do Camiño de Santiago na Idade Media. Ademais, na documentación do Tumbo da Catedral de Santiago, fálase da doazón do rei Afonso IX da igrexa de Salvadur á orde do Hospital de Roncesvalles, unha orde santiaguista de orixe navarra encagarda de dar auxilio e acollida aos peregrinos.

Así Elías Valiña, o Crego do Cebreiro que nos anos 70 do século XX comezara a recuperación do camiño pintando as famosas frechas amarelas, anota nun traballo de 1983: “Rozavales. Existe la tradición de un hospital de peregrinos”.

O CAMIÑO DE INVERNO E A RIBEIRA SACRA

Por tanto, dende a asociación defenden que se demostran dous dos principais criterios á hora de delimitar o camiño de inverno: a existencia dun camiño medieval de frecuente uso e un documento que liga directamente Rozavales co fenómeno Xacobeo.

A Asociación de Vilachá presentará este informe aos concellos afectados (Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos) así como á Deputación de Lugo; e comezarán unha acción divulgativa por medio das redes sociais e con convite a Vilachá de distintos especialistas para coñecer a pé de terreo esta descuberta.

Con estes contactos quérese procurar o recoñecemento deste tramo como o Camiño de Inverno (sen menoscabo da actual alternativa polo interior) e o estudo de posibles fórmulas que permitan o paso do Sil na altura da Covela á Barxa.

Desde a asociación quérese insistir en que este tramo é o único acreditado polo cal o Camiño de Inverno cruzaría a Ribeira Sacra, “converténdose así nun verdadeiro activo turístico-cultural que une nun mesmo sitio dous fenómenos de alcance mundial.”

Entradas populares de este blog

"Siempre se trata de esa referencia cultural gallega, de Torbeo..." dice Rubén Rodríguez González que fundo y dirige en Nueva York el restaurante "Nai".-

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

FIESTAS DE AGOSTO - TORBEO 2024.-