"Reencontro dos veciños de Torbeo e Vilachá na Feira do Viño" no Xornal de Lemos.-
- Obtener enlace
- X
- Correo electrónico
- Otras aplicaciones
A organización da Feira e o Concello da Pobra do Brollón facilitaron un autobús para que os veciños de Torbeo, parroquia da outra beira do Sil, puidesen asistir á Feira do Viño de Vilachá
Veciños Torbeo en Vilachá / Adegas da Memoria
Torbeo e Vilachá, dúas parroquias situadas en fronte unha da
outra e separadas polo río Sil, tiveron moita relación no pasado, cando se
cruzaba o río para ir ás festas, ás feiras ou a mocear, existindo aínda moitos
matrimonios dun e doutro lado do río.
Esta relación entre ambas parroquias cambiou coa construción
do encoro de San Estevo nos anos corenta. A partir dese momento e coa
consecuente desaparición da barca que unía Barxa e A Cubela, Vilachá e Torbeo
pasan a ser dúas parroquias que se miran pero non se tocan, perdendo case toda
relación.
Agora para cruzar o río e chegar ata a outra parroquia hai
que conducir máis de 40 minutos, unha alternativa non viable para quen non teña
coche. A todo isto hai que engadir o despoboamento e envellecemento da poboación,
polo que hai veciños, vellos amigos que non se ven dende hai décadas.
“Con este pequeno acto de reencontro, pretendemos
reivindicar as tradicións da vida ribeirá e poñer o foco na nosa Ribeira de
Vilachá”, sinala o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
Algún dos veciños, de ambas beiras, sinalan a importancia da
recuperación da barca entre A Cubela e Barxa nomeadamente pola existencia dunha
variante do Camiño de Inverno que cruza o río nese punto.
Dende Adegas da Memoria, un proxecto etnoarqueolóxico
impulsado polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de
Vilachá, elaboraron unha serie-documental que afonda nas relacións entre os
veciños de ámbalas beiras do río. Concretamente, é o episodio 3 ‘Nós nas Augas’
o que trata a vida ribeirá antes da construción dos embalses.
- Obtener enlace
- X
- Correo electrónico
- Otras aplicaciones