“Xosé Teixelo. Cursou Maxisterio en Ourense, onde foi alumno de don Vicente Risco. Debutou no ensino en Vilester e seguiu en Torbeo, onde coincidiu coa famosa meiga Filomena, coa que fixo unha grande amistade”

Días pasados se publicó en www.lavozdegalicia.es un interesante artículo de Xosé Estévez Rodríguez (1), en 2014 en El Progreso,  sobre el maestro don  Xosé Teixelo (la Veiga – Quiroga 1902-1979) en el que   transcribe las notas de un trabajo que a don Xosé le había encargado su profesor don Vicente Risco sobre “la religiosidad en el valle de Quiroga”.

Teniendo en cuenta las distintas fechas que se barajan lo más probable es que don Xosé Teixelo ejerciese de maestro en Torbeo a final de los años veinte.


A devoción aos santos no val de Quiroga
O profesor local Xosé Teixelo escribiu para Vicente Risco un traballo sobre relixiosidade na bisbarra quiroguesa
Xosé Estévez
Quiroga 09/10/2016 www.lavozdegalicia.es

É moi propio dos galegos ben nacidos e agradecidos lembrar aos devanceiros, que afillaron actitudes vitais a prol do compromiso ca nosa Terra e coas súas xentes. Este é o caso do meu mestre, don Xosé Teixelo, que mora dende hai anos na outra beira, no reino das estrelas, un reino sen cadeas, el que cérreme sempre defendeu a liberdade. Grazas a el namorei da lectura e da historia como magistra vitae. Este texto está baseado nunhas notas del, que, após do seu pasamento, me entregou o seu fillo Luis. Supoñen unha sinxela homenaxe ao mestre e unha mostra de agradecemento ao fillo, aínda que tampouco me esquezo doutro fillo, excelente pintor, bo xogador de fútbol e grande amigo meu e de Manuel María, o Pin, e doutra filla, Mari Carme, unha beleza quiroguesa que foi casar ás quentes terras valencianas a carón do Mediterráneo, o mare nostrum, hoxe mare mortum, no que finan xentes fuxidas da fame e da opresión.
O meu inesquencible mestre don Xosé Teixelo naceu na casa da Veiga, antiga casa de postas, exportadores de viño no século XIX, en Espandariz, o 15 de novembro de ano 1902. Aos cinco anos morreu a mai no parto dun irmán, Vicente. O pai, Vicente Tejelo Casanova, tamén morreu seis meses despois. O xuíz nomeou como titores a súa tía Carme Tejelo Casanova e o seu marido consorte, O Lázaro, alcalde de Quiroga na guerra incivil. Foi alumno do mestre don Santiago Prol, estudoso de Rosalía de Castro e parente de Ernesto Guerra da Cal. Cursou Maxisterio en Ourense, onde foi alumno de don Vicente Risco. Debutou no ensino en Vilester e seguiu en Torbeo, onde coincidiu coa famosa meiga Filomena, coa que fixo unha grande amistade. Continuou en Folgoso do Courel, despois na Ermida e xubilouse en Quiroga aos 70 anos. Casou con Dolores Rodríguez Cobo, dona Lola, da familia da Patrona. Exerceu tamén de perito calígrafo e secretario provisional do Concello. Deixou este mundo o 9 de maio do ano 1979 ós 76 anos de idade.
Estas notas que transcribo elaborounas para un traballo-enquisa encargado polo seu profesor, o galeguista don Vicente Risco.
«De xeito moi semellante a outras bisbarras galegas, a devoción aos Santos atopábase moi espallada neste fermoso val, deitado nas ladeiras do Caurel e bicado e partillado polas douradas augas do Sil. Non é desaxeitado afirmar que quizais foi un dos primeiros lugares da antiga Gallaecia onde se asentou o cristianismo a xulgar polo crismón da Ermida (...) Certo é que a crecente laicización moderna vai arrecunchando os recantos da relixiosidade, mais aínda fican anacos sacrais inseridos nos nervios da alma, mesturados con crenzas precristiás, froito do panteísmo primitivo e do proselitismo priscilianista. Pénsase que os Santos son avogados e intermediarios moi valedores nas doenzas, desgrazas, treboadas, pestes e outras malandanzas.

San Antonio e os animais
San Antonio ou San Antoniño é suxeito da meirande veneración. Pídeselle remedio contra as doenzas do gando e auxilio contra perdas de animais e obxectos. Existe a crenza de que calquera cousa animada ou inanimada extraviada deberá aparecer ou ser devolvida , sempre que sexa ben ‘arresponsada’, responso a recitar por persoas de recoñecido ascendente moral, xeralmente vellas e beatas, especialistas na sabedoría de ‘arresponsar’. Se un animal perdido volve á casa pola súa vontade, o acontecido é sen dúbida por mor do valemento do santo. Mais, se despois de rezar o responso tres veces, non regresa, a desgraza non se lle apón ao Santo, senón ao mal rezo do responso. A resignación pola perda é a actitude máis habitual e nalgún caso érguese algún improperio contra o demo, aínda que este persoeiro non é visto como o cumio do mal, pois existe a consideración escéptica de que ‘Deus é bo e o demo non é malo’. A familiaridade co demo móstrase neste espallado suceso en que un persoeiro moi coñecido do val, obrigado polas súas necesidades sólidas perentorias, atreveuse a expulsalas a carón do cemiterio de Quiroga. O demo acercouse, tentoulle as súas partes e díxolle: ‘Telas competentes e pésanche catro libras’. O sobado volveuse e díxolle: ‘Boas! Son castelás ou galegas?’ (...)
Outros santos de avoengo curador son San Brais, avogado contra as doenzas da gorxa e ouvidos (...), con capela en Pacios de Mondelo, Santa Apolonia (...), que sanda o dor de moas e con ermida en Arxubín, e San Bertomeu, con igrexa e reliquia no Hospital, que arreda os medos e doa afouteza nas situacións de risco.
Refírense moitos relatos encol de Deus e os santos. Hai un moi esparexido pola bisbarra, vinculado co viño, como non podía ser doutro xeito. Cando Xesucristo percorría o mundo, San Pedro chegaba todas as noites moi contente, cantando e boureando na compañía dos demais apóstolos. Apampado Xesucristo pola ledicia do seu discípulo predilecto, interrogouno deste xeito:
-’Imos ver, Pedro. Que clase de árbore produce o froito que che pon tan ledo?’
San Pedro matinou internamente: ‘Se digo que é a vide, ao mellor fai secar todas as cepas’. Entón, con picardía, respondeulle a Xesús: ‘Señor, é a figueira’. Xesús contestoulle moi compasivo: ‘Ben, Pedro. Para que vexas que che teño afecto, de agora en adiante a figueira dará dúas colleitas ó ano’. (...)

O demo na Ermida
No val celébranse varias romarías de sona (...), con ofrecementos en especie para acadar o valemento do santo ou santa. Unha da máis multitudinarias e a da Virxe da Ermida, moi venerada e á que se lle atribúen abondosos milagres (...) A igrexa da Ermida está empoleirada no cumio dun antigo castro onde se atopou o coñecido crismón de Quiroga, o primeiro sinal de cristianización de Galiza (...) A romaría celébrase o 8 de setembro e á misa acoden unha morea de fieis, que a escoitan con fervor e recollemento. Noutrora carrexaban oblatas de millo, trigo, centeo, fabas, etc. ou cerúleas figuras de brazos, pernas, mans e outro membros, todo ofrendado por doentes sandados pola intercesión da virxe. Tamén noutrora podían verse ringleiras de romeiros a pé, moitos calzados, algúns descalzos, outros de xeonllos e incluso uns poucos amortallados, que peregrinaban para curarse ou agradecer que foran curados. Ouvían a misa no santuario e acompañaban a imaxe na procesión. Unha vez rematada a cerimonia, agasallaban a virxe coa mortalla e con outros ofrecementos.
Na procesión participaban e participan uns choqueiros personaxes: o Meco e as Pampórnigas. O primeiro cobre a faciana cunha carauta, feita de madeira dunha soa peza policromada. Leva unha mulida por detrás na cabeza, camisa vermella, pantalón da mesma cor con dúas raias brancas verticais, alpargatas e unha vasoira de toxos na man. Con ela bate na xente, brinca e baila, abrindo paso á procesión. A xente pégalle na molida e bótalle diñeiro ao chan. É un persoeiro que moitos etnógrafos e antropólogos identifican co demo. Nos primeiros tempos da cristianización simbolizaría o representante dos cultos precristiáns que loitaba fronte a penetración do culto cristián. As Pampórnigas son dous xigantes, home e muller, que evolucionan danzando diante da imaxe da Virxe. (...)
Outra gran festa popular, un chisco menos ca da Ermida, celébrase o 24 de agosto no Hospital en honra de San Bertomeu ou San Bartolomé, como din na bisbarra. A igrexa é digna de ver, pois ten un fermoso cruceiro á entrada, elementos prerrománicos e románicos, sartegos de importantes cabaleiros da Orde de Malta ou Hospitalarios de San Xoán. (...) Era costume, e alí nos levaron de nenos, que o crego, ao rematar a misa, pasase pola cabeza dunha longa ringleira de fieis as reliquias dos santos, depositadas nunha caixa de coiro, prá quitar o medo. Iso explica que os quirogueses teñamos fama de valentes e destemidos, aínda que non tanto coma os «guímaros» da Pobra de Brollón.

Aos enterros con fachóns
Tamén tiña xusta sona a romaría do San Brais o 3 de febreiro en Pacios, barrio hoxe anexo a San Martiño. San Braisiño é un bo avogado contra as afeccións da gorxa. Durante a misa pendurábanse no pescozo da imaxe barazas de seda e arrodeábase o altar de velas acesas. Rematados os oficios relixiosos, cada romeiro recollía as súas barazas e velas. Cando doía a gorxa, colocábase a baraza o redor do pescozo e acendíase a vela para pedirlle ao Santo que arredase a dor.
Denantes da II República existía en Pacios unha confraría de San Brais, composta só por homes, que custeaba os gastos do culto con un fundo común. Era, ademais, obriga dos confrades asistir ao enterro do membros con fachóns e velas acesas (...) Era crenza xeral que a imaxe de San Brais fora adquirida había moitos anos en Lamas de Lor, pagando por ela a confraría un ferrado de picós, castañas furadas polos vermes e empregadas para a mantenza dos porcos. Co gallo desta estraña merca, naceu a seguinte cantiga en honor dos confrades: ‘O voso San Blas / é Santo de gran valor / que custou cando o mercastes /un ferrado de picós’.
Nos anos 20 do século pasado por mor de aproximar en demasía as velas á imaxe do Santo, prendeu lume nel o día da festa e queimouse a pintura que o enfeitizaba. Ao día seguinte, como en case todas as festas galegas, celebrouse ‘O Santo pequeno’. Ao volver á casa pola noite os mozos e mozas dos pobos veciños, cantaban esta copla: ‘Vimos do San Blas pequeno, / que o grande xa o queimaron / os rapaciños de Pacios / pro convidar prá outro ano.

Arranxo no cárcere
Para arranxar os estragos da imaxe os confrades leváronlla para compoñela ao xefe do cárcere do Concello, que era afeccionado á pintura. O funcionario fíxoo o mellor que puido, pero este feito suscitaría outra cantiga: ‘Probe meu santo, San Blas, / canto daño che fixeron, / despois de poñerche lume / inda na cárcel te meteron’. (...)»
Ficarían aínda no tinteiro outras moitas devocións populares da bisbarra, que simbolizan a singularidade privativa da nosa Terra. As tradicións non hai que perdelas, senón mantelas e adaptalas aos tempos. Como dicía o cantautor valenciano Raimon: «Quen perde as orixes, perde a identidade». E sen ela non se pode hoxe andar polo mundo, engado eu.
Xosé Estévez é historiador
(1) Xosé Estévez Rodríguez nació el 29 de agosto de 1943 en Quiroga, Lugo. Se diplomó en Estudios Eclesiásticos y se licenció en Filosofía y Letras por la Universidad Complutense de Madrid.
Se trasladó en 1973 al País Vasco según sus propias palabras "por amor". Casado con la también profesora María Isabel Goñi Olea...
Actualmente jubilado de la docencia, ejerció como profesor desde 1973 en la Universidad de Deusto de San Sebastián, donde se doctoró en Filosofía y Letras, así como en Nazaret Fundazioa... En la Universidad impartió Historia Moderna desde 1973, de Historia Moderna y Contemporánea del País Vasco desde 1993, de Nacionalismos y Regionalismos desde 1995, de Sociedad y Cultura en la España Contemporánea desde 1999 y de Historia de la España Actual también desde 1999. En el antiguo centro femenino Nazaret ejerció como profesor titular de F.P.-2 desde 1973, y de Bachillerato desde 1997. Compaginó su carrera docente con los estudios de Historia.

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

Programa de fiestas agosto 2023 Torbeo