O apelido Colmenero: unha curiosidade da árbore xenealóxica.
Mari Carmen Álvarez Rodríguez
Confeso que son unha apaixonada da Xenealoxía, esa
“ciencia que estuda os antepasados, descendentes e ramas das familias”. Hai
moitos anos -¿8?¿10?-que empecei a consultar os libros parroquiais custodiados
na Diocese de Lugo e de Ourense na procura de documentación sobre os meus
ascendentes. Seguramente se vivise en
cada unha desas cidades durante todo un ano, este traballo xa estaría rematado
ó converterme nunha asistente cotiá das súas salas de consulta. Pero… é o que
hai.
Ser descendente dun Colmenero –Miguel Álvarez Colmenero,
meu pai- fixo que este apelido fose un dos meus obxectivos. E o feito de que
moitos dos que seguides esta páxina levades ou tamén sodes descendentes del
–seguramente varios de vós sen sabelo- animoume a verter aquí as miñas pescudas.
Os datos máis antigos que teño facilitóunolos Antonio,
desde esta páxina, cando publicou o 24/05/2010 sobre os PLEITOS DE HIDALGUÍA: Antonio Rodríguez e Dominga Rodríguez foron os pais de
Antonio Rodríguez Colmenero (de onde
sae o Colmenero téñoo pendente de investigar), que casou o ano 1659 con
Catalina Rodríguez de Casanova; un fillo deles, Francisco Rodríguez Colmenero, nacido no 1662, casaría con Anastasia Álvarez
no ano 1691 e foron os pais de José Rodríguez
Colmenero, que nacería no 1710. Ata aquí a información aportada.
¿En que momento se perdeu o tándem Rodríguez-Colmenero a favor do simple Colmenero?
Baseándome nos datos que atopei, puiden comprobar a
existencia dunha alternancia de varias formas entre os anos 1735 e 1791: “Rez Colmenero”, “R Colmenero”, Rez
Colmeno” “Colmo”,
“Colmenero” e “Rodriguez Colmenero” Evidentemente, algunhas non son máis que
abreviaturas, o interesante é ver como se vai alternando a forma composta do
apelido –Rodríguez Colmenero- coa simple –Colmenero- ata que esta última acaba dominando xa desde
o ano 1793.
Aquí podedes ver unhas mostras da súa evolución:
·
1735,
María Manuela, filla de Joseph Rez
Colmenero e de Ana María Díaz da fonte (con minúscula)
·
1740, José
Francisco, fillo de Joseph R Colmenero e de Ana Mª Díaz
·
1763,
Seraphina, filla de Alexdro Rez
Colmeno e neta de Joseph
·
1770,
María Theresa, filla de Alexandro Colmo
e neta de Joseph
·
1779, Rosa
Javiera, filla de Alexandro Rodríguez
Colmenero e neta de Joseph
·
1782,
Juan, fillo de Alexandro Colmenero,
casa na igrexa de San Clodio
·
1791,Manuel,
fillo de Alexandro Rez
Colmenero, casa en Torbeo
·
1793,
María del Carmen, neta de Alexandro Colmro
·
1798,
Isabel, outra neta de Alexandro Colmenero
Aquel
primeiro Antonio Rodríguez, casado con Dominga Rodríguez, ¿xa era Colmenero?
Se
é así, o apelido composto aínda ten máis mérito ó ser máis lonxevo, e habería
que pescudar ata cando se remonta.
Se
non é así, cabe preguntarse cando e por que se lexicalizou co outro. Ademais,
permitiríanos afirmar, se medo a equivocarnos, que tódalas familias nacidas en Torbeo que levan ou nalgún momento levamos
o apelido Colmenero descendemos daquel primeiro Antonio Rodríguez Colmenero,
veciño de Outeiro.