miércoles, 26 de julio de 2017

“Leandro, o gaiteiro de Torbeo”

A continuación reproducimos completo un  interesante artículo que sobre  Leandro  publico X. Pérez Mondelo en su blog “En busca da cagalla do lagarto” 


“Leandro, o gaiteiro de Torbeo” 

Da outra banda do río, xa mirando para terras de Caldelas, está o lugar de Torbeo, famoso pola súa fermosa igrexa románica e pola súa mítica meiga dona Filomena Arias, que Ánxel Fole inmortalizara en Pauto do Demo e en Á lus do candil. Pero Torbeo tivo tamén outro veciño ben singular: Leandro, o Terratrás, un ledo gaiteiro. O seu repertorio era algo curioso, unha auténtica fusión musical. Pedianlle moito as cancións da copla española tan populares naquela altura e el non deixaba de compracer os ouvintes con esas músicas. E con cancións como aquel Camino verde, tan popular nas radios do seu tempo tempo: “Hoy he vuelto a pasar por aquel camino verde/ que por el valle se pierde…”. Mais, o que de verdade lle gustaba era tocar a muiñeira de Chantada ou a alborada de Veiga. En estando algo contento rompía a tocar na muiñeira, que resoaba pola montaña toda. 

Leandro Núñez Armesto, o gaiteiro de Torbeo, era de familia moi numerosa e pobre, pero era traballador e habelencioso: tanto segaba no pan como na herba, demoucaba un castiñeiro ou unha cerdeira ou facía de estanador, estanando a asa dunha cazola ou dunha pota e compoñendo as varillas dun paraugas. Andaba coa caixa do estano e as ferramentas amañando calquera cousa. El tiña boa man para todo. Toda a súa familia, da casa do Terratrás, que eran moitas bocas, eran pobres, sí, pero moi alegres. O Leandro tiraba a todos eles, pobre mais moi festeiro e un gran bailador. El ser era un home cabal, sí, anque ás veces o seu comportamento non fose o agardado. Un gran rapaz, non se pode dicir outra cousa, a non ser que se metesen con el ou mollase a palleta de máis, daquela, si, non se atiña moito ás normas, por iso cantas veces non o chamaban para tocar e tiña que andar só. Tocaba e cantaba de todo, o que lle pedira a xente, pasodobres, xotas, muiñeiras… aquel Camino verde e tantas outras. Mais, cantaba ou tocaba cando quería, que ás veces non quería. Os mozos dicíanlle para amolalo: “ esa non a tocas porque non a sabes”. Daquela encendiase e non paraba de tocar en toda a noite. E xa metido en fariña, pedianlle unha máis, calquera outra canción e el tocábaa… Cando non dicía que non, e entón volvía outra vez a xente a encirralo: “ esa non a tocas…”. E así. Pasa que ao Leandro había que saber lévalo e que non andase cerca dunha cantina. Foi unha pena que morrese porque era un divertimento para o seu pobo e para todos os lugares por onde andaba, sempre cos rapaces, decote dun lado para outro. Era moi alegre, facía moita diversión e todos querían andar canda el. 

Co tempo xa non o chamaban para tocar, mais el presentábase igual no campo da festa cando estaban os outros músicos tocando. E a súa presenza era tan agardada que en moitas ocasións amoreábase máis mocidade arredor del que dos músicos que contratara a comisión. Noutras ocasións si que o teñen chamado mais se cadra tampouco lle pagaban, así que el pasaba o sombreiro alí por onde tocaba. Máis dunha vez téñenlle marchado coa gaita e cos cartos. Dunha vez uns do Castro Caldelas tirárono a un silveiro aí pola Abeleda e logo ben se vingou dándolles unha boa  facada. Outras veces era el quen perdía o instrumento ou déixabao olvidado en calquera sitio. Ou vendíao, como daquela vez que despois de venderllo a un calquera, cando marchaba coa gaita, díxolle acenando coas mans: “ levas a gaita pero mira onde quedan os dedos”. Dito que tamén lle apoñían a outros grandes gaiteiros, como os de Soutelo.

Non, non era un tolo nin un perdido.  Xa dixemos que traballaba na terra e era moi mañoso para as cousas da casa, da casa e do campo, e que era un gran compoñedor de todo tipo de aparellos e ferramentas. Pero tiña aquela idea, aquela ansia por tocar e cando un leva unha idea de algo trata de facelo o mellor que pode. E ao Leandro divirtíao esa idea, anque non era estudiado nin nada. Tocaba de oído coma os outros. Ultimamente andaba cunha gorra grande, como de factor de renfe ou capitán de barco, tocando polas feiras. A xente deixáballe uns cartos na gorra… E así foi tirando.

O Terratrás tamén tocou no tren canda o Penelo e os dous tiñan os arredores da estación de Ribas de Sil como un dos seus escenarios preferidos. E andaban a cada cal mellor portado, con cadansúa gorriña de prato como humilde uniforme. Aínda que, a dicir verdade, andaban como podían. Sen dúbida, Leandro de Torbeo e Manuel o Penelo foron os máis queridos e recordados músicos da redonda quiroguesa, ben merecentes de levar o nome dunha rúa, de ser inmortalizados nun colorista mural ou acaído grupo escultórico, de seren recordados… cando menos de recibiren unha alegre homenaxe por parte das xentes dunha e doutra banda do río.

Ao final da súa vida, Leandro o Terratrás foi indo a peor da cabeciña e morreu aos sesenta e oito anos, un 14 de marzo do ano 1996, sendo enterrado no adro da fermosa igrexa de Torbeo. Súa nai, Plácida, era irmá de Filomena Arias Armesto, a meiga. Sen dúbida, tía e sobriño, sabia e gaiteiro, os máis celebres veciños  de Torbeo.

Fotografías:
Torbeo, © Carlos
Terratrás, en plano medio e plano xeral con Toñín na pista de San Clodio, © Antonio Vidal
Mural de Filomena Arias, © X. Pérez Mondelo

Si quieres ver lo publicado hasta hoy organizado por temas:

Por fecha de publicación

para enviar comentarios sobre esta web: torbeo@gmail.com