"Os últimos taberneiros "

Así titulo Olegario Sotelo Blanco un interesante articulo que publico (www.soteloblanco.blogspot.com) en 2009 y del que hemos extraído lo relativo a las dos tabernas de Torbeo que aun hoy, por suerte y que sea por mucho tiempo, continúan abiertas. De Olegario son también las fotografías que adjuntamos al texto.

A taberna do Carabillo

Continuando o noso percorrido pola ribeira, a uns oito quilómetros da aldea da Cruz, pero costa abaixo cara ao Sil, chegamos á parroquia de Torbeo, que está situada nun fermoso val entre o río Sil e a Pena do Xastre. Esta parroquia pertenece á provincia de Lugo e ao concello de Ribas de Sil. Foi, sen dúbida, unha das parroquias máis importantes da provincia pois chegou a ter unha poboación de 1.800 habitantes, aínda que hoxe, debido ao galopante despoboamento da Galicia interior por culpa da emigración, ten 170 habitantes e a maioría da xente é maior. Aquí sobreviviron dúas tabernas-comercio que, por desgraza, parecen ter os días contados e están rexentadas por dous matrimonios de avanzada idade. A actividade parece condenada a desaparecer tanto pola falta de xente nova que queira recoller o testemuño como pola falta de clientela, simplemente porque as aldeas están quedando baleiras e, polo tanto, os servizos que poidan dar estes comercios xa non teñen sentido. Pero aínda hoxe estas dúas tabernas manteñen o tipo e conservan un ambiente de autenticidade. Dende hai moito tempo os meus amigos e mais eu visitamos a Taberna de Antonio Colmeneiro González (Carabillo). Aquí enriquecemos as nosas charlas ben falando con Antonio, que é unha enciclopedia vivente da comarca pois, ademais de levar moitos anos como taberneiro, fixo de augardenteiro polas aldeas e tamén foi por elas coa máquina de mallar, ben gozando coas merendas auténticas que nos prepara a súa muller, a señora Pepa; e digo «auténticas» porque pode facernos unha ensalada de leituga ou de tomates da súa horta ou darnos unha empanada que acababa de facer no seu forno ou uns chourizos dos porcos cebados con castañas feitos tamén por ela, e todo isto regado co viño das vides de Antonio, que prepara con mestría. Tamén estes pratos serven de testemuño dunhas formas de alimentarse que hoxe van desaparecendo.
 

Pasar un serán naquel local bebendo uns grolos daquel viño branco ou tinto elaborado por Antonio e merendando os produtos que nos ofreceu a súa muller, a señora Pepa, xa é un pracer para os que valoramos o máis auténtico do noso país. Pero ese pracer aumenta dialogando con Antonio, xa que a súa conversa pasa a converterse nunha clase maxistral de Antropoloxía. Antonio leva moitos anos á fronte da taberna e por ela pasaron milleiros de persoas ao longo do tempo: a xente da parroquia e tamén, polo emprazamento na ribeira onde tiñan e aínda teñen leiras de viñedos e de soutos de castañas, moitos veciños da montaña, especialmente, das parroquias de Mazaira, Vilardá, Medos, Seoane e Santa Eulalia. Nesta taberna vendíanse produtos variados e tamén ferramentas, ademais de servir de lugar de encontro. Antonio estivo sempre en primeira liña á hora de promover iniciativas que levasen consigo melloras nas condicións de vida dos seus veciños: formou parte da comisión que fixo posible a chegada da luz eléctrica, tamén traballou para que fixesen a pista ou fose posible a traída da auga ás casas. Por todo isto Antonio coñece ben os seus veciños e os das parroquias que teñen terras na ribeira. 


Ademais da súa amabilidade e facilidade para a parola, Antonio e a súa dona servían canto lle pedisen, aínda que fose ao fiado, e que pagase cada un cando puidese. Antonio, cando fala, lembra os veciños que masivamente un día tiveron que emprender o camiño da emigración. Sabe que ese veciños, ás veces, «triunfaron» polo mundo adiante e outras veces escoita conversas dalgún que chega presumindo do que non foi, pero este home respecta a todo o mundo e sofre cando ve que morre a xente maior e as terras quedan ermas ou os soutos de castañas, sen coidar. Sofre Antonio porque ve como o mundo que el quixo, e polo que tanto loitou, desaparece. Homes como Antonio ben merecen unha homenaxe pois forman xa parte da nosa historia social e cultural.



A taberna de Abaixo - Das Moreiras

No mesmo val de Torbeo, seguindo o camiño cara á Cubela, segue a funcionar a taberna que rexenta o matrimonio formado polo señor Xosé Soto e a señora Obdulia Álvarez. Confeso que frecuentei máis a taberna de Antonio Colmeneiro porque quedaba na entrada e tamén pola confianza que me demostrou ao longo de tantos anos de amizade. Acompañado duns amigos fomos á taberna-comercio do señor Soto para inmortalizala nesta reportaxe. Tomamos uns refrescos, xogamos unha partida no futbolín e logo pedinlle permiso ao taberneiro para facer unhas fotografías. Permiso que me deu de inmediato pero antes quería saber de onde era. Cando lle dixen que era da parroquia de Mazaira, a señora Obdulia espetoume: «E logo, de quen vén sendo?» Nesta taberna-comercio pódese tomar unha cunca de viño, unha copa ou xogar unha partida de cartas e, asemade, mercar todo tipo de cousas para a casa.




Nos andeis deste local hai ducias de pares de alpargatas de distintos números que xa non atoparán un comprador; tamén podemos apreciar un aparello de radio cun voltímetro da época na que debeu de chegar a este establecemento a electricidade e un moderno televisor de plasma no que os clientes poden ver un partido de fútbol. Esta taberna segue a ser o lugar onde se pode tomar un grolo de viño da casa colleitado nos viñedos desta ribeira ou unha copa de licor café e compartilo coa amabilidade e a parola dos taberneiros.

 

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

Programa de fiestas agosto 2023 Torbeo