¡O loooooobo! ¡O looooobo!

Falar do lobo, en Galicia, é un tema moi controvertido. As xeracións que vivimos nas cidades non temos o mesmo sentimento que os nosos pais ou avós. ¿Quen deles nunca temeu que lle levase unha ovella o lobo? Volvendo á casa dun traballo, dunha feira ou de namorar, ó lusquefusque, ¿quen non foi acompañado por un ou tivo que defenderse cunha caxata ou cun legón?
Meu pai contoume un caso que lle acaeceu a un veciño de Torbeo.
O Angelito das Cubanas tiña un can lobeiro que levaba unha tempada faltando a días da casa. Como cocían o viño na Cubela, o Angelito foi á noitiña a baixar o bullo. Xa era noite de lúa cando emprendeu a volta por Pena Tallada. Montaba unha boa besta, corredora, e subindo entre as penas sentiu un ruído que lle chamou a atención: eran tres lobos xogando pola Louxeira. Ó decatárense da besta, deixaron o xogo e foron tras deles. Chegando xa arriba, cerca das Aradas, alcanzáronos as feras e o Angelito quedou abraiado ó ver que unha delas era o seu can. Intentou acariñalo con palabras pero en vano, lanzábase a eles coma os outros. A besta, xa coas patas nun camiño doado, botou a galopar deixando os lobos detrás e podendo chegar, sen novidade, á seguridade da aldea e do fogar.
Ós dous días, o can volveu á casa. O Angelito non se andou con chiquitas: colleu a pistola e matouno de dous tiros.
                            Mari Carmen Alvarez

 

Entradas populares de este blog

Pregón ... y pulpo! Primera tarde de prefiestas en Torbeo

Filomena Arias “..Probablemente la más importante curandera de Galicia”

"Siempre se trata de esa referencia cultural gallega, de Torbeo..." dice Rubén Rodríguez González que fundo y dirige en Nueva York el restaurante "Nai".-